O municipio do Incio celebra o seu tradicional magosto con dúas citas

O Concello do Incio anunciou a celebración do seu tradicional magosto, que terá lugar o vindeiro 8 de novembro e ao que están convidados todos os veciños e veciñas do municipio.
A cita, organizada en colaboración co club O Incio CF, desenvolverase nas instalacións do Multiusos e promete unha tarde de convivencia, música e saborosas castañas asadas.
Como é habitual cada outono, a celebración converterase nun punto de encontro para a comunidade, que poderá compartir unha xornada festiva marcada polo ambiente familiar e a tradición.
ASOCIACIÓN FANAGUEIROS
A parroquia de Eirexalba prepárase para celebrar o seu tradicional Magosto o vindeiro 1 de novembro, unha cita xa consolidada no calendario festivo da zona e organizada pola Asociación Veciñal e Cultural Os Fanagueiros. O evento dará comezo a partir das dúas da tarde e combinará gastronomía, música e tradición nun ambiente festivo e familiar.
O menú incluirá pratos típicos como polbo, empanada, carne ó caldeiro e, como non podía faltar, castañas asadas e queimada. Ademais, ao longo da tarde haberá música en directo para amenizar a celebración. Desde a organización explican que o menú se cobrará “como en calquera feira”, mantendo o espírito popular e accesible da festa.
O Magosto de Eirexalba 2025 pretende, un ano máis, reunir veciños e visitantes arredor do lume, as castañas e a boa mesa, recuperando así unha das tradicións máis queridas do outono galego.