O Incio celebra un agosto cheo de música, espectáculos e diversión para toda a familia

SarriaXa
O concello organiza actividades culturais e lúdicas durante todo o mes, que culminarán coa Feira de Artesanía e Produtos da Terra o día 22
incio_concerto_nenos
2 Aug 2025

O Incio converterase este mes de agosto nun punto de encontro para o lecer en familia, cun completo programa de actividades gratuítas que combinan música en directo, espectáculos para os máis pequenos, festa da escuma e un circo de lume. As propostas están pensadas para público de todas as idades e terán lugar na Praza de España, corazón social da vila.

O programa comezará o 7 de agosto ás 17:00 horas coa Festa da Escuma e Inchables, unha das citas máis esperadas polos cativos, que poderán gozar dunha tarde refrescante e chea de xogos. O día 13 de agosto ás 20:00 horas, será a quenda do espectáculo infantil "A Ramona pequena vai á lúa", protagonizado por Pakolas, que mestura música, humor e narración oral para conquistar o público familiar.

O día 19 de agosto ás 22:00 horas, Asacocirco traerá ao Incio o seu “Circo de Lume”, un espectáculo nocturno impactante que combina malabares, danza e lume, creando unha atmosfera máxica e chea de emocións.

Como broche de ouro ao verán cultural, o 22 de agosto celebrarase a tradicional Feira de Artesanía e Produtos da Terra, que chega á súa décimo quinta edición. Durante toda a xornada, artesáns e produtores locais ocuparán a Praza de España para amosar e vender os seus traballos, desde pezas feitas a man ata produtos gastronómicos típicos da zona. Será unha oportunidade para apoiar o comercio de proximidade e coñecer de preto o talento da contorna.

Desde o Concello animan á veciñanza e visitantes a participar e desfrutar dun agosto dinámico, cheo de actividade e espírito comunitario.

⚙ Configurar cookies
0.14809083938599