O Incio celebrará as súas festas na honra a Santa Cruz os días 2, 3 e 4 de maio

O Incio xa quenta motores para celebrar as súas tradicionais festas na honra á Santa Cruz, que terán lugar os días 2, 3 e 4 de maio de 2025, cun completo programa de actividades para todos os públicos.
A festa comezará o venres 2 de maio, cunha churrascada e queimada popular ás 21:00 horas, amenizada pola música en directo do Dúo Estrellas e o DJ Min. A organización informa que as persoas que non aportasen a cota deberán abonar 2 euros para participar na cea.
O sábado 3, a xornada estará animada dende primeira hora da mañá con pasarrúas a cargo da charanga CLK. Ás 13:00 horas celebrarase a misa solemne, e pola noite terá lugar unha gran verbena protagonizada polo Grupo Mar d’Arousa e a Orquestra Panama Band.
O domingo 4 pecharanse as celebracións cunha nova misa solemne ás 13:00 horas, seguida de procesión e unha sesión vermú animada polo Grupo Punto Clave. Pola tarde, ás 17:00 horas, haberá unha actuación dunha banda musical, e ás 19:00 horas porase o broche final cunha festa co Grupo Punto Clave.