O Incio contará cunha nova área recreativa no Muíño do Sancho, en Trascastro

SarriaXa
A intervención inclúe a instalación de varias mesas, que permitirán habilitar unha pequena área recreativa e de descanso para os veciños e visitantes
nova-área-recreativa-no-Muíño-do-Sancho-Trascastro-O-Incio
9 Apr 2025

O Concello do Incio contará cunha nova área recreativa no Muíño do Sancho, situado en Trascastro. Os traballos de acondicionamento da zona están a ser levados a cabo polo alumnado do obradoiro de emprego A Pobra do Brollón, O Incio e Bóveda.

A actuación realizarase en dúas fases. Na primeira delas, o alumnado está a traballar na marxe dereita do río Cabe, onde se procedeu á limpeza, retirada e queima da broza acumulada. Ademais, plantáronse varias árbores autóctonas e fixéronse un macizo de arándanos e unha rocalla de plantas aromáticas.

A intervención tamén inclúe a instalación de varias mesas, que permitirán habilitar unha pequena área recreativa e de descanso para os veciños e visitantes.

A segunda fase, que dará comezo nas vindeiras semanas, consistirá no reposición dunha antiga ponte que atravesa o río, que será substituída por unha pasarela de madeira.

Estímase que todos os traballos estean finalizados para o verán, permitindo así que a veciñanza e os turistas poidan disfrutar desta nova zona de ocio e recreo no corazón do Concello do Incio.

⚙ Configurar cookies
0.11273097991943