O Incio estuda novas actuacións na contorna da aldea de Trascastro
Estúdase a posibilidade de levar a cabo novas actuacións na contorna da aldea modelo de Trascastro, no Concello do Incio.
Desta maneira, comprobouse o estado duns muíños situados na propia aldea, así como un sendeiro ao longo do río que rodea Trascastro. As actuacións a estudar tamén comprenderían a posibilidade de mellorar os accesos á esta aldea modelo, unha das primeiras en ser aprobadas en Galicia e a primeira de Lugo en pórse en marcha. Neste senso, cabe lembrar que esta iniciativa abrangue un perímetro de 14 hectáreas, distribuídas nun total de 178 parcelas pertencentes a 104 propietarios.
Noutra orde de cousas, informouse que xa se estaba a traballar na delimitación dos soutos tradicionais a inventariar e que formarán parte do plan que contempla a recuperación de arredor de mil hectáreas deste tipo de terreos no conxunto da comunidade autónoma.
Neste sentido, ao longo de Galicia trabállase noutras zonas -ademais de no Incio-, como son a ribeira do Sil tanto na provincia de Lugo como na de Ourense, na contorna do río Loio en Paradela, así como en áreas da montaña luguesa, caso do concello de Folgoso do Courel. Este plan de recuperación de soutos tradicionais, xunto coa Lei de recuperación da terra agraria de Galicia, busca impulsar figuras como as agrupacións de xestión conxunta da terra, claves para a posta en valor dos soutos.