O Incio pon en marcha un servizo de menús a domicilio para maiores e dependentes

SarriaXa
O novo programa municipal busca garantir unha alimentación axeitada ás persoas con dificultades para cociñar no seu fogar
Raquel-Arias-Xantar-na-Casa-Xunta
25 Oct 2025

O Concello do Incio aprobou unha normativa pola que pon en marcha o programa Xantar na Casa, destinado a ofrecer comidas equilibradas a veciños con máis de 60 anos ou en situación de dependencia que non conten con apoio familiar. A iniciativa pretende asegurar unha dieta saudable ás persoas que teñan limitada a súa autonomía ou que atravesen circunstancias de exclusión social.

Entre os requisitos para acceder ao servizo esíxese estar empadroado no municipio, convivir no domicilio habitual e demostrar a necesidade da prestación. Tamén será preciso contar con frigorífico e microondas, xa que as racións se entregarán preparadas para o seu consumo.

As solicitudes poderán formalizarse tanto de maneira presencial no Concello como a través da sede electrónica, acompañadas do DNI, a tarxeta sanitaria, certificados de empadroamento e convivencia, informes médicos, xustificantes de ingresos e, no seu caso, documentación sobre graos de dependencia ou discapacidade, ademais da autorización bancaria.

⚙ Configurar cookies
0.064507961273193