O Incio impulsa unha nova actividade de verán para crianzas de 2 e 3 anos

O Concello do Incio vén de poñer en marcha unha nova iniciativa dirixida ás familias con nenos e nenas de curta idade. Trátase de Peques O Incio, unha actividade de verán pensada para crianzas de 2 e 3 anos que se desenvolverá durante todo o mes de agosto en horario de mañá, entre as 10:00 e as 14:00 horas.
A proposta nace coa intención de ofrecer un espazo seguro e educativo onde os máis pequenos poidan participar en dinámicas de estimulación temperá, ao tempo que se facilita a conciliación da vida laboral e familiar dos pais e nais. Desde o Goberno local explican que a actividade será completamente gratuíta e que estará impartida por persoal especializado da empresa Creados, a mesma que organiza o campamento infantil de verán no municipio.
As sesións terán lugar nas mesmas instalacións que o campamento e contarán cun monitor ou monitora encargado en exclusiva dos nenos e nenas de menor idade, garantindo unha atención personalizada e adaptada ás súas necesidades.
As familias interesadas en inscribir aos seus fillos ou fillas poden achegarse ao Concello do Incio para formalizar a inscrición. Desde o consistorio anímase á veciñanza a aproveitar esta oportunidade para que os pequenos “aprendan, xoguen e se relacionen mentres os seus proxenitores traballan con maior tranquilidade”.