O Incio mellorará os accesos ao encoro de Vilasouto cun investimento de 1,7 millóns de euros

SarriaXa
A Confederación Hidrográfica Miño-Sil financiará as obras e cederá posteriormente as vías ao Concello para o seu mantemento
miradoiro-encoro-de-Vilasouto-O-Incio
31 Mar 2026

A Confederación Hidrográfica do Miño-Sil (CHMS) e o Concello do Incio formalizaron un convenio de colaboración que permitirá acometer a mellora das estradas de servizo do encoro de Vilasouto, unhas vías que, co paso do tempo, pasaron a desempeñar funcións clave para a mobilidade local.

O acordo, rubricado polo presidente da CHMS, José Antonio Quiroga, e polo alcalde do Incio, Héctor Manuel Corujo, establece as condicións para o financiamento, execución das obras e posterior cesión das vías ao Concello mediante mutación demanial.

Segundo explicou Quiroga, estas vías deixaron de cumprir exclusivamente a súa función inicial vinculada ao encoro para converterse en accesos habituais ás áreas recreativas e en rutas principais cara a diferentes núcleos de poboación próximos. Esta nova realidade fixo necesario adaptar a súa titularidade e uso, pasando a considerarse estradas locais.

As actuacións previstas abranguen un tramo de aproximadamente 6,5 quilómetros e incluirán a reparación de fochancas e zonas deterioradas, así como a aplicación dun novo firme de aglomerado en quente. Ademais, melloraranse as marxes, cunetas e bermas, e instalarase nova sinalización horizontal, elementos de seguridade e redutores de velocidade.

O investimento total ascende a 1.768.000 euros, que serán financiados integramente pola CHMS. Unha vez finalizadas as obras, as vías serán entregadas ao Concello do Incio, que asumirá a súa conservación e mantemento.

Desde a Confederación Hidrográfica subliñaron o seu compromiso coa colaboración institucional en proxectos que contribúan á mellora das infraestruturas e da calidade de vida da cidadanía, sempre desde o respecto polo medio ambiente.

Ademais, como actuación previa, está previsto que na semana do 6 de abril se inicien traballos de mantemento no tramo máis deteriorado destas vías, consistentes en labores de bacheo que servirán como paso previo á execución das obras incluídas no convenio.

0.11648011207581