O Incio oferta un servizo de madrugadores para nenos e nenas
O Concello do Incio, en colaboración co CEIP Ricardo Gasset, oferta neste novo curso escolar 2021-2022 un servizo de madrugadores para os nenos e nenas escolarizados no centro. É unha proposta pensada para axudar na conciliación familiar para aqueles pais e nais que queiran deixar aos seus fillos e fillas, antes do inicio da xornada lectiva.
O servizo, de carácter gratuíto, comeza ás 8 horas da mañá e esténdese ata as 10 horas, momento no que comezan as clases. Durante estas dúas horas os nenos e nenas están acompañados dunha coidadora que se ocupa de vixialos.
O servizo préstase no salón de actos do centro, o que permite cumprir con todas as medidas sanitarias en vigor. Así mesmo, na sala teñen diversos xogos e material para poder entreterse.
Por esta razón, dende o Goberno local anímase aos pais e nais a interesarse polo servizo de madrugadores a través do Concello ou no propio CEIP Ricardo Gasset, onde poden formalizar a súa inscrición. Ademais, hai que lembrar que o servizo xa se atopa operativo.