O Incio, referente galego da explotación de magnesita con máis de sesenta anos de historia

A fábrica e a mina de Magnesitas de Rubián, situada en Rubián da Cima, no municipio do Incio, é o único xacemento galego deste mineral e un dos dous que existen na Península Ibérica, cunha explotación que supera as seis décadas na comunidade.
A conselleira de Economía e Industria, María Jesús Lorenzana, resaltou o compromiso “estrito” do sector coa seguridade laboral e a sustentabilidade. Destacou que a entidade dispón dunha planta fotovoltaica para autoconsumo que cobre o 25 % dos custos enerxéticos das súas instalacións, grazas tamén ao apoio do Instituto Enerxético de Galicia (Inega), que achegou máis de 440.000 euros.
Lorenzana avanzou que en breve se celebrará a primeira reunión do Consello da Minaría de Galicia, órgano recuperado pola Xunta para seguir colaborando con todas as empresas do sector nun desenvolvemento minero seguro e con gran relevancia económica para a comunidade autónoma.
A titular de Economía reivindicou a aposta da Xunta polo acompañamento e apoio ao desenvolvemento minero, considerando esta actividade como un recurso natural e unha riqueza para Galicia, que xera emprego industrial de calidade e promove o autoabastecemento.
Ademais, lembrou que este ano a Xunta convocou 51 novos permisos mineiros de investigación, 17 deles na provincia de Lugo, e que tras o verán están previstas novas convocatorias.
“Este é o camiño que debe seguir a minería; unha minería comprometida co territorio, respectuosa co medio ambiente e que deixa emprego e desenvolvemento industrial en Galicia”, concluíu.