O Incio súmase ao programa “Xantar na Casa” para garantir unha alimentación saudable ás persoas maiores

SarriaXa
O convenio permitirá que oito veciños da localidade reciban menús equilibrados a domicilio, coa posibilidade de ampliar o número de usuarios segundo a demanda
Incio-sumase-xantar-na-casa-xullo-2025
1 Aug 2025

O Concello do Incio vén de adherirse ao programa autonómico “Xantar na Casa”, unha iniciativa orientada a ofrecer unha dieta equilibrada e adaptada ás necesidades das persoas maiores que viven soas, con dependencia ou en situación de vulnerabilidade. O acordo formalizouse esta mañá cunha sinatura entre o xerente do Consorcio Galego de Servizos de Igualdade e Benestar, Perfecto Rodríguez, e o alcalde do municipio, Héctor Corujo.

Inicialmente, serán oito os veciños que se beneficien desta medida social, aínda que desde o Consorcio deixan aberta a posibilidade de incrementar as prazas se a demanda así o require. Rodríguez salientou que “son os servizos sociais municipais os encargados de avaliar e seleccionar aos destinatarios do programa, garantindo así que chegue a quen realmente o necesita”.

As persoas usuarias recibirán un paquete semanal cos menús completos para os sete días da semana, incluíndo festivos. A comida repártese nunha soa entrega e está preparada para ser quentada no fogar, garantindo comodidade e accesibilidade. Ademais, o programa contempla a dotación de neveira e microondas nos casos en que os beneficiarios non conten con estes electrodomésticos nos seus domicilios.

O custe de cada menú é de 7,32 euros, dos cales a Xunta de Galicia asume 3,42 euros, mentres que o Concello e a persoa usuaria contribúen con 1,95 euros cada un. “Trátase dun modelo de cooperación institucional que permite prestar un servizo esencial cun custe asumible”, apuntou o xerente do Consorcio.

O programa “Xantar na Casa” forma parte da estratexia do Goberno galego para mellorar a calidade de vida das persoas maiores e fomentar a súa permanencia nos fogares con seguridade e dignidade. Na actualidade, esta prestación chega a máis de 2.500 persoas en Galicia, repartidas por 200 concellos, cun total de 17.000 menús entregados cada semana.

Desde o Concello do Incio valoran moi positivamente a incorporación a este plan, que consideran “un paso importante para atender as necesidades reais da nosa veciñanza maior, moitas veces esquecida”, en palabras do alcalde. Corujo destacou tamén o papel esencial dos servizos sociais locais na detección de situacións de risco e no acompañamento destas persoas.

⚙ Configurar cookies
0.12320995330811