O IV Sarria & Blues no Camiño traerá diversas actuacións musicais en agosto

Este verán, o festival Sarria & Blues no Camiño celebra a súa cuarta entrega, mantendo o espírito que o consolidou como unha cita imprescindible no calendario da comarca.
Entre os días 7 e 10 de agosto, as rúas da vila sarriá encheranse de vida e son, cunha programación que percorre os diferentes estilos e épocas do blues, desde as raíces máis fundacionais do Delta do Mississippi ata os sons eléctricos nacidos nas rúas de Chicago, sen esquecer as inconfundibles brass bands propias de New Orleans.
Impulsado polo Concello de Sarria, o encontro arrincará cun concerto de blues tradicional no atrio da Igrexa de San Salvador, un espazo simbólico que servirá de ponte entre o legado xacobeo e a memoria musical do pobo afroamericano e a súa loita histórica polos dereitos civís.
Durante as catro xornadas de actividade, os escenarios multiplicaranse por distintos puntos emblemáticos da vila, como a Rúa Maior, o Malecón, o Meigallo ou a Rúa da Liberdade, onde terá lugar un vibrante desfile musical que abrirá paso ao concerto principal, de novo protagonizado por unha destacada voz feminina afroamericana do panorama internacional.
Fiel á súa filosofía de proximidade, o festival continuará apostando por actuacións a pé de rúa e formatos semiacústicos, nun ambiente íntimo e participativo que tamén acollerá a artistas locais.
As bandas de Sarria compartirán espazo con nomes chegados de diferentes puntos do Estado e do estranxeiro, facendo do festival un verdadeiro escaparate de diversidade sonora.
A programación oficial do festival comezará o xoves 7 de agosto coas actuacións de Lust 'N' Found e da Banda de Música da Comarca de Sarria. O venres 8 será a quenda de Street Blues Boys, Los Jarbis e Little Hands Blues Band, mentres que o sábado 9 subirán aos escenarios Sugar Queen, Dixie Blinders, a Banda de Música de Sarria, de novo Lust 'N' Found e Street Blues Boys.
O festival pecharase o domingo 10 de agosto cunha última xornada protagonizada por Lust 'N' Found, Street Blues Boys e outros artistas convidados, nunha clausura aberta e participativa.