O libro A Paradela dos Máis Novos debuxa a vida do concello da man dos máis cativos
Vén de presentarse no CEIP San Miguel de Paradela o libro A Paradela dos Máis Novos, publicado polo Concello de Paradela con motivo do seu bicentenario.
O libro, contou coa participación dun total de 64 autores do CEIP de Paradela (os máis novos paradelenses) e dos institutos Xograr Afonso e Gregorio Fernández, de Sarria. Son 44 alumnos de infantil e primaria e 20 de ESO e BAC, dos Institutos Xograr Afonso (6) e Gregorio Fernández (14).
A coordinación dos traballos dos alumnos no CEIP San Miguel realizouse por parte de Tania Taboada, Ligia López, Rocío Castro, Alejandro Ferreiro, Sonia López e Adela López (a súa directora), no Instituto Xograr Afonso as profesoras Remedios Sánchez e Lola Chaos foron as encargadas de xestionalo e o profesor Eduardo Rey coordinou os traballos no Instituto Gregorio Fernández.
Nun total de 120 páxinas, os paradelenses máis novos reflicten a Paradela na que viven en narracións e debuxos que conforman un calidoscopio dun concello (Senda infinita) de camiños, árbores e augas, fito do Camiño Francés a Compostela.
Falan os rapaces do que ten Paradela e do que lle falta, da diminución da poboación, das festas e dos xogos, dos animais e da natureza, da súa terra e das súas familias.
Danlle especial carácter ó libro os debuxos de Fani Padullés, artista catalá afincada en Paradela, autora así mesmo das pinturas que iluminan a Biblioteca do CEIP San Miguel.
Os alumnos recibiron cadanseu exemplar do libro, e compuxeron ó final no exterior do colexio unha foto dos autores cos participantes na presentación.