O Mago Antón representará o espectáculo 'Mil maxias máis' cinco veces en Sarria
Este domingo, 13 de agosto, terá lugar o espectáculo 'Mil maxias máis' do Mago Antón na praza da Vila e en varias quendas: ás 13.00 horas, ás 18.00 horas, ás 19.00 horas, ás 20.00 horas e ás 21.00 horas.
Esta función, que ten entrada de balde, está respaldada pola área de Cultura da Vicepresidencia da Deputación de Lugo, que leva este espectáculo a Meira, O Valadouro, Sarria, Guitiriz e Becerreá ao longo do mes de agosto.
O Mago Antón chegará a Sarria no magomobil, un vehículo preparado para o desenvolvemento do espectáculo dirixido ao público familiar para poñer en valor a nosa lingua utilizando xogos orixinais creados polo mago Antón coa finalidade de facer que os espectadores lembren a importancia que ten a palabra en galego. Os espectadores verán aparecer por arte de maxia e con todo o seu valor simbólico: landras, amorodos, lóstregos, bolboretas e moitas, moitas vasoiras para que todos e todas poidamos voar coa maxia do mago Antón e a da nosa lingua.