"O máis importante é axudar ao peregrino en todas as necesidades que teña"

SarriaXa
Falamos con Elvira Vila, presidenta da Asociación Amigos do Camiño de Santiago na comarca de Sarria e coas súas fillas, Raquel e Alba
Asociación-Amigos-do-Camiño-de-Santiago-Sarria-directiva
11 May 2025

Jessica Fernández

A Asociación de Amigos do Camiño de Santiago na Comarca de Sarria leva desde 2008 traballando de maneira altruísta para orientar, apoiar e acompañar aos miles de peregrinos que cada ano escollen Sarria como punto de partida no seu camiño a Compostela. A súa historia é tamén a historia dunha vila que vive ao ritmo do Camiño.

Por iniciativa dun pequeno grupo de amigos e unha conversa informal, en 2007 xermolou a idea de crear un apoio estruturado para os peregrinos que pasaban por Sarria. "Démonos conta de que aquí non había ningunha asociación nin ningunha organización dedicada a axudar ao peregrino, a orientalo, a atendelo nas súas necesidades", lembra Elvira Vila, presidenta da asociación. Nun lugar tan estratéxico como Sarria, epicentro do Camiño Francés, a falta de información específica sobre albergues, normas ou servizos resultaba preocupante. A solución foi dar forma á Asociación de Amigos do Camiño de Santiago da Comarca de Sarria, que quedaría formalmente constituída e rexistrada na Xunta en 2008. Sen fondos iniciais e baseándose unicamente no voluntarismo, comezaron a botar as primeiras raíces dunha organización que hoxe é fundamental para o funcionamento diario do Camiño na comarca.

Desde aquela, a evolución foi notable. "O Camiño de Santiago aumentou e están continuamente abríndose albergues. Algúns tamén pechan, pero a maioría ábrense", apuntan. O fenómeno peregrino sufriu distintas etapas: medrou coa crise da burbulla inmobiliaria, viviu unha explosión tras a pandemia, e segue a ser un motor económico vital. Hoxe, a asociación é testemuña directa desta realidade cambiante. Cada día recollen e xestionan información da ocupación dos albergues a través de grupos de WhatsApp, creando unha rede de apoio en tempo real para os peregrinos que chegan sen reserva. "Se beneficias ao peregrino, tamén beneficias ao albergue, aos comerciantes, ás persoas que viven do Camiño", explican.

CONTINUAR O CAMIÑO DE JORGE LÓPEZ

A nova directiva da Asociación mantén intacto o legado de Jorge López, figura clave que impulsou a entidade durante anos. "Faremos o mesmo traballo, enfocados en axudar ao peregrino e aos albergues asociados", aseguran. Aínda que durante a etapa de López algúns voluntarios colaboraban puntualmente, agora tócalles vivir en primeira persoa a inmensa carga de traballo que implica orientar rutas, resolver dúbidas, buscar aloxamentos e, en definitiva, actuar como unha verdadeira oficina de atención, sen ser unha axencia e de maneira gratuíta. "Jorge facía un traballo de plena dedicación, era vocación pura. Grazas a el, a asociación é hoxe unha referencia", recoñecen. Algunhas persoas, mesmo agora, seguen achegándose ou facendo doazóns en recordo á súa figura.

Ademais, o espírito do Camiño vai máis alá das fronteiras. A asociación mantérá os lazos activos con Xapón e Chile que se crearon durante a etapa de López. "Os de Xapón estiveron aquí en marzo porque veñen cada ano; e en 2019 fomos nós alá, visitamos o Camiño de Shikoku e puxéronnos un marco xaponés fronte á sede en honor a Jorge", contan. Tamén existe unha relación especial con Chile, onde Jorge foi nomeado socio de honra do Círculo Chileno no 2023. Ademais, o soño de estender a irmandade tamén chega a Alemaña grazas a Norman Sinclair, un peregrino apaixonado polo mundo das flores que, entre 2010 e 2014, percorreu diferentes rutas compostelás e decidiu deixar a súa pegada floral en Sarria e arredores. A través do proxecto da "Rosa Peregrina", plantou flores en puntos emblemáticos como Samos, Triacastela ou O Cebreiro, homenaxeando tamén a figuras clave como Elías Valiña.

Por outra banda, desde a Asociación de Amigos do Camiño de Santiago na Comarca de Sarria, explican que o perfil do peregrino que chega a Sarria é variado. Ademais de españois de toda a península, destacan os xaponeses, os coreanos, os chilenos e en xeral xente de toda América do Sur. Os alemáns tamén forman un grupo importante, confirmando que o Camiño de Santiago é unha experiencia global.

O PRESENTE E FUTURO

Desde a Asociación de Amigos do Camiño de Santiago da Comarca de Sarria teñen claro que o Camiño de Santiago é moito máis que unha simple ruta de sendeirismo. Para elas, o esencial é preservar o espírito da peregrinación, que culmina coa chegada a Compostela. "Non ten sentido facer o Camiño sen chegar a Santiago", subliñan, defendendo a importancia de que o percorrido sexa unha experiencia completa, non só un traxecto de 100 quilómetros para obter a Compostela. Sarria, como principal punto de partida para milleiros de peregrinos, xoga un papel crucial nesta experiencia. Apostar pola ruta desde Sarria non é só un beneficio para os propios camiñantes, senón tamén para a comarca, que atopou no Camiño un motor económico que dinamiza aldeas e vilas que, doutro xeito, correrían o risco de desaparecer. "Hai lugares que, sen o Camiño, morrerían", recordan, facendo fincapé na importancia vital de seguir apoiando a infraestrutura, os albergues e os servizos que fan posible esta aventura única.

A pesar da súa importancia, a Asociación enfróntase a importantes retos de financiamento. Actualmente, só contan cunha subvención da Deputación de Lugo para contratar unha persoa a media xornada durante tres meses de verán, e coa cesión dun local por parte do Concello. "Da Xunta de Galicia, que é a entidade que protexe o Camiño, non temos ningunha axuda", denuncian. Este apoio insuficiente contrasta coa carga de traballo que asumen. "As asociacións estamos facendo o traballo dunha oficina de turismo sobre o Camiño", lamentan. Ademais, a sinalización, as 96 frechas do Camiño en Sarria, atópase deteriorada, e Jorge López incluso chegou a plantexarse pagalo do seu peto. "Cando é Xacobeo todo é atención, pero o resto do tempo esquécense de nós", critican. Tamén reclaman melloras no transporte, tanto ferroviario como de autobuses, para atender a demanda real dos peregrinos.

A Asociación de Amigos do Camiño de Santiago na Comarca de Sarria continúa adiante cunha misión clara: axudar aos peregrinos, impulsar a vida local e manter vivo o espírito do Camiño.

⚙ Configurar cookies
0.15039396286011