O Master Sarria Futbolín 2025 bate récords de participación e deixa unha valoración “moi positiva”

SarriaXa
Para favorecer a participación e fomentar a visibilidade do evento, repartíronse 9.000 euros en premios, unha cifra que serviu de reclamo
Master-Futbolin-Sarria-25
3 Nov 2025

A Asociación de Futbolín de Sarria fixo unha valoración “moi positiva” do Master Sarria Futbolín 2025, un evento que volveu converter a vila nun referente desta actividade e que reuniu a 172 parellas o sábado e 152 o domingo.

A organización destacou con especial satisfacción o récord de participación feminina, con 19 parellas inscritas. “Estamos moi contentos, todo transcorreu perfectamente e a xente marchou encantadísima”, sinalaron, subliñando o ambiente deportivo e a resposta do público.

O pavillón dos institutos encheuse durante toda a fin de semana, onde se instalaron múltiples máquinas de futbolín ao longo da pista, creando un espazo dinámico para o xogo e para seguir consolidando esta actividade como disciplina deportiva.

Alí, proclamáronse campións Tomás, de Pontevedra, e Alejandro, de Asturias, na categoría de movemento; mentres que Javier, procedente de Santander, e Cristian, de León, dominaron na modalidade de parado. Na categoría feminina, o triunfo foi para Gema, de Andalucía, e Tati, de Ponferrada. No apartado local, Felipe, do Páramo, xunto con Adriano, de Sarria, impuxéronse aos seus rivais. Finalmente, na categoría combinada, Raúl, do Páramo, e Pablo, da Bañeza, acadaron o primeiro posto.

Ademais do aspecto competitivo e lúdico, a organización salientou o impacto positivo na economía local, xa que o torneo atrae visitantes e xera movemento hostaleiro e comercial. Para favorecer a participación e fomentar a visibilidade do evento, repartíronse 9.000 euros en premios, unha cifra que serviu de reclamo e que, segundo a asociación, contribúe a que cada ano máis xogadores e xogadoras se sumen ao Master Sarria Futbolín.

A edición deste ano contou co apoio das tres institucións —Xunta de Galicia, Deputación de Lugo e Concello de Sarria—, ás que a entidade quixo agradecer a súa implicación coa vida local.

⚙ Configurar cookies
0.18117594718933