O matadoiro de Sarria retoma a actividade tras un corte por avaría

SarriaXa
O Concello realiza unha reparación provisional da caldeira e prepara melloras estruturais para garantir a seguridade e o correcto funcionamento
matadoiro-Sarria
13 Sep 2025

O matadoiro municipal de Sarria abriu de novo as súas portas hai máis dunha semana despois de permanecer pechado por unha avaría nunha das súas válvulas principais, que estaba bloqueada e impedía o fluxo de auga, deixando a caldeira inoperativa. Mentres se espera a chegada do recambio, que tardará aproximadamente un mes, realizouse un arranxo temporal para permitir a reapertura do servizo.

Ademais, o Concello aproveitará a ocasión para substituír outra válvula, xa que ambas son das primeiras instaladas no matadoiro e, pola súa antigüidade, existe risco de que a segunda tamén se avarie. "Para evitar estes fallos encadeados, instalaranse dúas válvulas novas", explicaron desde a administración local.

Entre as melloras previstas tamén figura a colocación dun vaso de expansión que permitirá liberar presión do termo en caso de exceso, facilitando así o traballo da caldeira e aumentando a seguridade. Tamén se instalará un reductor de presión para optimizar o sistema. Estes traballos teñen un orzamento superior a 7.000 euros, aos que se engadirá o custo da reparación definitiva da caldeira, aínda sen determinar, que a concelleira avisou que será elevado. Ademais, realizáronse outros arranxos, como o axuste da potencia eléctrica para cumprir coa normativa vixente.

⚙ Configurar cookies
0.080935955047607