O Meigallo acollerá a VI edición do Festival Verbena Fest de Sarria este sábado
Os organizadores do Festival Verbena Fest presentaron a VI edición que se celebra este sábado, 3 de agosto, en Sarria coa colaboración do Concello de Sarria, da Deputación de Lugo e da Xunta de Galicia.
Unha sesión vermú, de 13.00 a 15.00 horas, será o aperitivo do festival, con actuacións de Grande Amore, Carlangas, Grande Osso, Louband e Futuro Alcalde, a partir das 19.00 horas, na terraza do Meigallo.
Efrén Castro, en representación da entidade provincial, amosou o apoio da Vicepresidencia da Deputacion ao festival organizado pola Asociación Verbam, “unha mostra máis do dinamismo e da enerxía da mocidade e do tecido asociativo de Sarria, que enche a vila de actividade musical, cultural e deportiva” e encadrou a colaboración “no apoio que as áreas da Vicepresidencia ofrecen ao tecido asociativo, ao tempo que se impulsa a presenza de bandas galegas en festivais e citas musicais ao longo de todo o territorio”.
Pola súa parte, o delegado territorial de Lugo, Javier Arias, e a directora territorial de Emprego, Comercio e Emigración, Carmen José López, en representación da Xunta, destacou que a proposta “estase a consolidar como unha das citas de música indie máis importantes da provincia” e gabou a súa aposta polos artistas galegos.