O Meigallos FS chama á afección sarriá a encher o Chanto nunha cita histórica polo ascenso

O Meigallos FS xogará as semifinais do playoff de ascenso a Terceira División fronte ao Alto do Vento FS este sábado, 17 de maio, un partido decisivo para o primeiro equipo que pode marcar un fito no crecemento do club.
Desde a entidade fan un chamamento apaixonado á veciñanza de Sarria para que acuda masivamente a apoiar, convertendo o Chanto no escenario da paixón, cor e orgullo polos Meigallos.
O día estará cargado de emocións, comezando ás 17:00 horas cunha quedada no pavillón que incluirá música con DJ, ambiente festivo e servizo de bar. Media hora despois, está previsto o recibimento ao primeiro equipo, onde o club anima á afección a traer bombos, bocinas, bufandas ou fume de cores para crear unha atmosfera impoñente.
Ás 17:45 será o momento das fotos oficiais de todos os equipos do club, un acto simbólico que reforza o sentimento de familia e unidade. Por iso, desde o Meigallos FS piden a todos os nenos e nenas da base que acudan vestidos co chándal do club, xa que a súa presenza é clave para redondear unha xornada inesquecible.
Xa ás 18:15 comezará o quecemento do equipo, momento no que o apoio da bancada será fundamental para facer sentir aos xogadores que non están sós. Ás 18:55 terá lugar un pasillo de honra ao Infantil A, que vén de proclamarse campión da liga provincial e lograr o ascenso á Liga Galega Preferente. Finalmente, ás 19:00 horas, soará o asubío inicial do encontro co Alto do Vento FS, no que os Meigallos buscarán dar un paso máis cara ao soñado ascenso.
“Este non é un partido calquera”, insisten desde o club, que ve nesta cita o premio ao esforzo de toda a tempada e a oportunidade de facer historia. “Necesitámoste a ti, coa túa camiseta, a túa enerxía e as túas ganas de alentar. Porque cando xogamos na casa, xogamos todos”.