O Mercado de Nadal e a pista de xeo volverán ser os protagonistas do Nadal en Sarria

Sarria contará cunha pista de xeo e o tradicional mercado de Nadal do 20 de decembro ao 7 de xaneiro
"Esta iniciativa non está pensada só como unha oferta de lecer para todos os públicos, senón que tamén ten como obxectivo principal impulsar o comercio local, promovendo as compras nos negocios do municipio durante estas datas tan especiais", explican desde o Concello de Sarria.
Por iso, e co propósito de fortalecer o tecido comercial de Sarria, todas aquelas persoas que realicen compras superiores a 5 euros nos establecementos adheridos á iniciativa, ou calquera compra no mercado de Nadal, recibirán un ticket de balde para gozar da pista de xeo.
"Esta é unha oportunidade perfecta para vivir a maxia do inverno ao mesmo tempo que se apoian os pequenos comercios que forman parte da nosa comunidade", sosteñen.
Por iso, desde o Concello, convidan a todo tipo de negocio (comercios, bares, restaurantes...) de Sarria a sumarse a esta iniciativa de Nadal. Os negocios interesados en participar teñen ata o 15 de decembro para adherirse e, desta maneira, poderán ofrecer aos seus clientes a posibilidade de gozar da pista de xeo, ao tempo que forman parte dunha acción conxunta para dinamizar o municipio durante as festas.
Para a adhesión á iniciativa, poden contactar co Concello de Sarria a través do correo deporte@sarria.gal enviando os datos do establecemento e un teléfono. Para máis información poden chamar ao número 982 535 000.
"Desde o Concello queremos agradecer a colaboración de todos os comercios participantes, así como animar aos veciños e visitantes a desfrutar destas actividades mentres apoian o comercio local. ¡Agardámosvos para vivir xuntos a maxia do Nadal en Sarria".