O mercado Quilate de Sarria celebra a súa edición de Nadal
O domingo terá lugar a edición de Nadal do mercado de anticuarios e coleccionismo Quilate Especial Nadal que se celebrará en Sarria co apoio da Vicepresidencia da Deputación de Lugo.
O deputado de Artesanía e Deseño Efrén Castro presentou o evento xunto ao grupo de anticuarios de Sarria que o impulsan que reunirán nesta edición especial do mercado unha vintena de postos nos que se poderán atopar obxectos antigos e vintage, vinilos e obxectos curiosos e de coleccionismo. Tamén haberá postos de repostería e confitería artesá.
A área de Artesanía e Deseño levará ao mercado demostracións de artesanía, aproveitando a cita, para promocionar a artesanía lucense e os oficios tradicionais. Así, as persoas visitantes poderán ver ao vivo traballos de cestería, olería e tecedura.
Efrén Castro sinalou que “as demostracións de artesanía darán ao mercado unha dimensión tradicional, moi acaída para as datas de Nadal” e amosou o seu respaldo á iniciativa dos anticuarios sarriaos que buscan consolidar unha edición especial do mercado nas datas de Nadal, tamén de cara aos vindeiros anos.
O mercado instalarase nunha carpa na rúa do Porvir (a rúa dos Anticuarios) e estará aberto de 11.00 a 18.00 horas, en horario contínuo. A cita contará coa actuación da formación de música tradicional Xaramolos ás 16.30 horas.