O vindeiro 1 de xuño desenvolverase o mercado solidario Malicounda Teranga en Sarria

SarriaXa
O mercado de Hospitaleros Sin Fronteras terá temática africana o vindeiro 1 de xuño na praza da Vila de Sarria
Malicounda-Teranga-2
16 May 2024

A ONG sarriá Hospitaleros sin Fronteras presenta a terceira edición de ‘Malicounda Teranga’, un mercado solidario de temática africana que terá lugar o vindeiro sábado 1 de xuño na praza da Vila de Sarria.

O mercado, que durará toda a xornada, desde ás 12.00 ás 21.00 horas, aglutina unha serie de actividades culturais e lúdicas para todos os públicos.

Tras a boa acollida das pasadas edicións, o evento volve cun cambio de localización para dispoñer de máis amplitude para dar cabida ás actividades programadas para este ano e seguir consolidándose como unha cita anual na vila de Sarria.

O mercado solidario estará formado por casetas de roupa, libros, complementos e xoguetes de segunda man doados á ONG e artesanía de Senegal traída da última viaxe solidaria: teas africanas, bolsos, carteiras, cestería e obxectos de decoración, entre outras cousas.

Os máis pequenos poderán gozar pola tarde de actividades infantís diversas a partir das 16.00 horas, como pintacaras, un taller de máscaras e un de pintura impartidos por Creartecendo.

Durante a sesión vermú, de 13.00 a 14.30 horas, a música correrá a cargo dos sarriáns Malditos Roedores, o coñecido grupo vocal da vila virá cargado co seu repertorio de temas soul, rock, blues, swing e jazz a inaugurar a xornada musical. Seguiralle tamén o selector sarrián Jor Ginho que ofrecerá unha das súas xa habituais coidadas seleccións musicais ata ben entrada a tarde.

Ademais de bailar, os asistentes poderán degustar unha tapa de Yassa Poulet, un prato tradicional senegalés cuxa base é o arroz e o pito pero que garda o seu secreto particular no proceso de elaboración, xunto coa empanada senegalesa.

Xa ás 18.00 horas, o broche final poñerao o grupo Batuko Tabanka, formado por mulleres caboverdianas afincadas na Mariña, que é unha formación paradigma de dous pobos, Cabo Verde e Galicia, separados por case 3.500 quilómetros, pero que a pesar de ser dúas culturas tan diferentes, comparten un mesmo océano e moitas coincidencias.

As voces e bailes deste grupo tamén son un híbrido entre o noso "aturuxo" e a "batuka", o berro propio das mulleres escravas e negras tras as colonización das súas terras e o asentamento luso.

O evento foi bautizado co nome de ‘Malicounda Teranga’, xa que Senegal se caracteriza pola teranga da súa xente; unha hospitalidade única que non atende a etnias e que mantén un forte sentimento de pertenza á súa comunidade, tolerándose e respectándose nunha convivencia diaria exemplar.

Malicounda fai referencia a unha das rexións na que a ONG coopera e onde traballa na actualidade na construción dun centro no que poder instalarse e que albergue á súa vez aulas e unha enfermería.

Hospitaleros sin Fronteras contará tamén cunha caseta onde explicará o seu traballo no país africano e a súa loita pola defensa e a protección dos nenos talibé, labor que leva realizando desde o 2015.

0.15798497200012