O mércores comezan as clases os alumnos de Secundaria, BAC e ciclos

RibeiraSacraXa | TerraChaXa | LugoXa | SarriaXa | AMariñaXa
Máis de 209.000 estudantes comezarán mañá, 15 de setembro, as clases na Secundaria, Bacharelato, FP e Ensinanzas de Réxime Especial.
curso profesor alumnos clase
14 Sep 2021

Máis de 209.000 estudantes comezarán mañá, 15 de setembro, as clases na Secundaria, Bacharelato, FP e Ensinanzas de Réxime Especial (ensinanzas para adultos, artísticas e deportivas), segundo os datos provisionais recompilados polos servizos estatísticos da Consellería de Cultura, Educación e Universidade. 

As cifras de matriculación non serán definitivas ata dentro dunhas semanas, dado que aínda nos últimos días se realizaron exames de recuperación en Secundaria. Ademais, aínda e posible matricularse nos ciclos formativos que contan con prazas libres.

Malia a provisionalidade dos datos, segundo as estimacións da Consellería, en ESO e Bacharelato apenas se producen variacións, con cambios focalizados nos últimos cursos. Ademais, prodúcese un incremento moi considerable de alumnos na FP galega, con preto de 3.000 alumnos máis. Deste xeito, o número total de alumnos nestas ensinanzas elevaríase a arredor de 60.500.

Neste sentido, cómpre salientar o crecemento ao abeiro dos novos másteres de FP, que superan os 600 matriculados, cubrindo as 540 prazas de nova creación este ano. Así mesmo, a FP Dual superará os 2.000 matriculados, en máis de 160 proxectos.

ESO. Segundo as estimacións e datos provisionais da Xunta de Galicia, 94.187 alumnos comezarán o curso en ESO, o que supón 448 menos ca no curso 2020/21. Na provincia de Lugo serán 7.130 alumnos matriculados en centros públicos, 2.006 en concertados e 255 en privados.

BAC. Por outra banda, os mesmos datos provisionais que manexa a Consellería indican que 33.002  alumnos e alumnas comezarán o mércores as clases de Bacharelato ordinario en Galicia, o que supón 128 máis ca no curso 2020/2021. Neste caso serán 2.932 en centros públicos e 347 en privados na provincia de Lugo.

ADULTOS. No que atinxe ás ensinanzas de réxime especial, en concreto no referido ás básicas, de Secundaria e Bacharelato para adultos e ao Bacharelato semipresencial ou a distancia, segundo os datos provisionais prodúcese un lixeiro incremento do alumnado (299 estudantes máis) respecto do curso 2020/21, ata chegar a un total de 9.642 alumnos. Na provincia de Lugo serán 1.359 os que fagan algún curso. 248 farán o nivel I de esinanzas básicas, 39 o nivel II, 490 estudarán Secundaria, 20 BAC presencial, 255 están inscritos para facer o BAC semipresencial e 307 ensinanzas non regradas.

ARTE E DEPORTE. Pola súa banda, o número total de estudantes nas ensinanzas artísticas acada este curso os 10.155, 172 menos ca no curso anterior. En concreto, nas ensinanzas regradas de música, segundo as estimacións da Consellería, o número de alumnos será de 8.004, 163 menos ca no ano académico 2020/21, con 973 alumnos na provincia de Lugo.

No caso das ensinanzas regradas de danza o número de matriculados é de 341, sete menos ca no curso 2020/21; mentres que nas de arte dramática haberá 183 alumnas e alumnos, 12 máis ca no ano académico anterior.

Pola súa banda, o alumnado matriculado en ensinanzas profesionais de artes plásticas e deseño aumenta en 14 alumnos, con 843 estudantes. No caso das ensinanzas artísticas superiores  haberá 784 matriculados, 28 menos ca no curso anterior.

Finalmente, nas ensinanzas deportivas o incremento de alumnado é de 637 estudantes acadando os 1.928 alumnos.

CENTROS ESCOLARES. Os centros cos que conta a provincia de Lugo son 25 de Educación Primaria e Secundaria, 3 só de ESO, 35 con ESO e BAC, 11 con BAC, 4 con todos os ciclos e 2 para adultos.

SINDICATOS

Son moitas as voces que reclaman este curso as normas impostas pola Xunta de Galicia.A  Federación do Ensino de Comisións Obreiras de Galicia afirma que a Consellaría de Educación reduce de 1,5 a 1,2 metros a distancia interpersoal entre o alumnado co obxectivo de recortar profesorado, primando os criterios economicistas fronte aos sanitarios.

A secretaria xeral de CCOO-Ensino, Luz López, lamentou que o Ministerio de Educación «renunciase a liderar» un proceso que era da súa competencia, permitindo que cada comunidade autónoma «faga o que lle veña en gana» no tocante ás distancias.

Pola súa parte, o coordinador de Acción Sindical de CCOO-Ensino, José Fuentes, salientou que a redución da distancia é «o elemento fundamental» para recortar profesorado e aumentar as rateos nas aulas. Deste xeito, reduciu 116 unidades —47 en infantil e 69 en primaria— e eliminou 169 postos de traballo. A redución de unidades e de profesorado provocou xa protestas das familias de diferentes centros educativos de toda Galicia neste comezo do curso.

Outra das cuestións criticadas por CCOO está relacionada coa limpeza. O sindicato coida «imprescindible» incrementar persoal, sobre todo nos centros que contan cunha única persoa para estas tarefas. O protocolo recolle que só un terzo da xornada pode coincidir coa actividade lectiva, polo que a atención a este traballo significa unha modificación unilateral das condicións laborais «que non imos consentir».

Pola súa banda, CIG Ensino afirma que Educación restrinxe a oferta de materias na ESO e Bacharelato no medio rural ao impedir que se impartan materias con menos de cinco alumnos e alumnas "aínda existindo docentes con dispoñibilidade horaria".

Explican que as instrucións para o desenvolvemento do presente curso escolar manteñen os criterios de cursos anteriores. No caso das materias troncais de Bacharelato indícase que o número mínimo será, “con carácter xeral”, de cinco alumnos/as (con independencia de que se trate de centros urbanos ou rurais). Cando esas materias troncais se cursan dentro do bloque das materias específicas, esa limitación de cinco alumnas/os márcase con carácter fixo no medio rural (sendo dez no ámbito urbano).

Porén, a Consellaría viña permitindo en determinados casos que, se existía profesorado no centro con dispoñibilidade horaria, se puidesen ofertar esas materias. Neste curso, a Inspección educativa está comunicando aos IES de zonas rurais que non se van facer excepcións. Isto provoca unha clara discriminación para o alumnado que se ve obrigado a coller outras materias nas que non ten interese ou a se matricular das da súa modalidade a distancia.

"Hai que ter con conta que nalgúns casos falamos de materias que se queren cursar en 2º de Bacharelato porque ponderan para determinados Graos universitarios que o alumnado quere cursar. Segundo as informacións obtidas nestas últimas horas pola CIG-Ensino Latín sería unha das materias máis afectadas, mais tamén nalgúns casos Debuxo Técnico, Física, Historia da Arte, Grego ou Francés de 2º BAC. En todos os casos falamos de catro alumnos matriculados en diferentes centros afectados en concellos como Melide, Chantada, Cangas, A Estrada ou Becerreá", din.

listaxe alumnos eso bac lugo

Warning: Trying to access array offset on value of type null in /var/www/vhosts/editorialtristram.es/httpdocs/wp-content/themes/plosa/stats/stats_chatgpt.php on line 634

Warning: Trying to access array offset on value of type null in /var/www/vhosts/editorialtristram.es/httpdocs/wp-content/themes/plosa/stats/stats_chatgpt.php on line 635
0.15346002578735