O Monte de Toca de Samos acolleu unha xornada sobre a paisaxe e a súa evolución

A Asociación Galega de Custodia do Territorio (AGCT) levou a cabo a segunda actividade divulgativa no Monte Veciñal en Man Común de Toca de Samos, centrada nesta ocasión na paisaxe e na súa evolución.
Durante a xornada, os participantes estiveron acompañados polo veciño e presidente do monte, Benxamín Balboa Cereijo, quen explicou os valores ambientais e culturais da zona, así como a historia da aldea e da súa singular escola, un edificio construído polos veciños e actualmente de propiedade municipal, que se busca rehabilitar como local social da comunidade.
Esta iniciativa encádrase no convenio asinado entre a AGCT e Cruz Vermella co obxectivo de achegar á sociedade o proxecto “Monte de Toca”, que prevé a restauración de 8 hectáreas de bosque mediante a plantación de máis de 10.000 árbores autóctonas, entre as que se inclúen carballos, castaños, bidueiros, teixos e outras especies propias da zona.