O monte de Trascastro inscrito no Rexistro de Masas Consolidadas de Frondosas Autóctonas

SarriaXa
Publicado o anuncio polo que se someten a IP o procedemento de inscrición no Rexistro de Masas Consolidadas de Frondosas Autóctonas no Incio.
bosque carballos
2 Aug 2021

O Diario Oficial de Galicia publicou o anuncio polo que se someten a información pública os procedementos de inscrición no Rexistro de Masas Consolidadas de Frondosas Autóctonas de catro montes da provincia de Lugo, entre os que se atopa un no Concello do Incio.

En concreto, inscribiranse 29,1577  hectáreas do monte veciñal en man común de Trascastro, de titularidade dos veciños desta aldea do Incio.

Así, a masa forestal do monte de Trascastro que se quere inscribir no Rexistro de Masas Consolidadas de Frondosas Autóctonas correspóndese con formacións dominadas por carballos, bidueiros e castiñeiros (Quercus robur, Betula sp e Castanea sativa).

A partir do día seguinte ao da publicación do anuncio no DOG, calquera persoa física ou xurídica poderá examinar no Servizo de Montes da Xefatura Territorial de Medio Rural en Lugo os documentos correspondentes a este expediente de inscrición, podendo presentar as alegacións que estimen oportunas nun prazo de dous meses, que computarán a partir do día 3 de agosto.

En Galicia existe, de acordo co 4º Inventario Forestal Nacional, unha superficie de masas de frondosas autóctonas dunhas 415.000 hectáreas, dominadas principalmente polo carballo, cerquiño, castiñeiro e bidueiro, xa sexa en forma de masas dunha soa especie ou en mesturas íntimas de dúas ou máis especies. Estas masas conforman a paisaxe característica de Galicia e teñen un alto interese para a conservación de especies e hábitats, así como unha gran capacidade de xerar recursos de alto valor para a sociedade.

Tendo en conta toda esta riqueza, e en desenvolvemento da Lei de Montes, publicouse o Decreto que regula o Rexistro de Masas Consolidadas de Frondosas Autóctonas. Nel inscríbense aquelas cunha superficie mínima de monte de 15 hectáreas que poden estar constituídas por tres coutos redondos, sempre que cada unha delas teña un mínimo de 3,75 hectáreas (25% da superficie mínima) e unha idade media de 20 anos.

O rexistro pretende favorecer a xestión forestal activa das masas inscritas, para o que o Decreto que o regula establece unha serie de medidas, como son a prioridade na concesión de axudas públicas, a divulgación dos seus valores e das utilidades directas destas masas de frondosas ou mesmo o fomento do desenvolvemento de vantaxes fiscais para os seus titulares.


Warning: Trying to access array offset on value of type null in /var/www/vhosts/editorialtristram.es/httpdocs/wp-content/themes/plosa/stats/stats_chatgpt.php on line 634

Warning: Trying to access array offset on value of type null in /var/www/vhosts/editorialtristram.es/httpdocs/wp-content/themes/plosa/stats/stats_chatgpt.php on line 635
0.15193796157837