O mundo xacobeo rende homenaxe a Jorge López un ano despois do seu pasamento

Sarria acollerá este sábado, 12 de xullo, unha homenaxe ao inesquecible Jorge López Rodríguez, quen durante anos encabezou a Asociación de Amigos do Camiño de Santiago na Comarca de Sarria e faleceu no 2024.
Coincidindo co primeiro aniversario do seu pasamento, o mundo xacobeo quere lembrar a súa entrega cun recoñecemento aberto a toda a cidadanía no que participarán federacións, asociacións e entidades diversas de toda España e nalgún caso do estranxeiro, así como o Concello de Sarria, a Mancomunidade de Concellos Galegos do Camiño Francés, etc.
A xornada conmemorativa comezará ás 11:30 horas cunha peregrinación simbólica dende a Oficina de Acollida ao Peregrino ata a Casa do Concello de Sarria, seguindo o trazado do Camiño Francés. Ao longo do percorrido, que estará amenizado pola música tradicional dos gaiteiros de Goián, honrarase a memoria de López Rodríguez como figura clave na dinamización do Camiño de Santiago dende a comarca lucense.
Xa ás 12:30 horas, o Salón de Plenos do Concello será o escenario dun acto institucional no que tomarán parte diversas autoridades e representantes do eido xacobeo. Intervirán a dona de Jorge, Elvira Vila; o alcalde local, Claudio Garrido; a presidenta da Mancomunidade do Camiño, Olga Iglesias; e o director do Xacobeo, Ildefonso de la Campa, pola parte instititucional. Tamén o farán, en representación do mundo xacobeo, os presidentes da 'Federación Española de Asociaciones de Amigos del Camino', da Federación galega; de 'Camino Francés Federación'; do Camiño xaponés da illa de Shikoku; da Asociación de Periodistas do Camiño; e doutras asociacións xacobeas españolas.
Como broche final, ás 14:15 horas celebrarase unha comida de irmandade no Campo da Feira de Sarria, pensada para compartir lembranzas e fortalecer os lazos entre todos os que, dalgún xeito, se viron influídos polo traballo de Jorge ao longo dos anos. A organización lembra que esta parte do programa require adquirir previamente unha tarxeta, dispoñible na Oficina de Acollida ao Peregrino e na sede da Cruz Vermella en Sarria, sendo o 8 de xullo a data límite para recollelas.
Dende a Asociación de Amigos Peregrinos do Camiño de Santiago en Lalín, encargada de impulsar esta iniciativa, destacan o amplo apoio recibido de colectivos xacobeos de toda Galicia, do resto de España e mesmo doutros países, así como de particulares e camiñantes que mantiveron relación con Jorge dende os recunchos máis inesperados. Agradecen tamén a colaboración da Asociación de Amigos do Camiño da Comarca de Sarria, do Concello e da Cruz Vermella, “sen cuxo respaldo esta homenaxe non sería posible”, subliñan; así como aos Gaiteiros de Goián e a Roberto Lolo.