O Museo de Lugo expón unha ámboa realizada en Samos en 1706
O Museo Provincial de Lugo, xestionado pola área de Cultura da Vicepresidencia da Deputación de Lugo, expón unha singular peza de cerámica de Samos de 1706, coñecida como a “ámboa dos anxos”. Trátase dunha peza de especial valor patrimonial pola súa antigüidade, conservación e decoración, na que destacan catro anxos cuxas cabezas, realizadas con molde, que sobresaen entre grandes ás executadas por medio de incisións.
Entre eles intercálanse catro vieiras, feitas tamén con molde e rodeadas de motivos fitomórficos. Na parte superior conta con dúas inscricións, unha en relevo que indica o nome do propietario da peza: Soi de R. Díez de Valcarce Vázquez y Quiroga e outra incisa que identifica ao oleiro e a data na que foi realizada: Franco antto Gomez me fecit en Samos en 18 de agosto del año de 1706.
Esta obra formou parte da exposición ConCiencia dunha tradición. Olaría de Mondoñedo, Bonxe, Samos e Gundivós, realizada no Vello Cárcere de Lugo entre o 29 de febreiro e o 17 de maio de 2024, en función do proxecto Alfarería de Galicia. ConCiencia de una tradición , co que colabora o Museo Provincial de Lugo. Ao finalizar dita mostra foi depositada no MPL polo seu propietario.
As ámboas son grandes recipientes de barro que se empregaban principalmente para almacenar viño e outros líquidos. Algúns exemplares, que presentan a boca máis ancha, servían tamén para gardar o gran. Adoitan presentar unha forma esférica alongada, co corpo percorrido de xeito transversal por finas liñas ou tiras de barro, decoradas cunhas marcas -a modo de “punteado”- que o oleiro realizaba co dedo mentres a peza xiraba no torno.