O Museo Etnográfico 'Casa do Patrón' de Doade acollerá a visita da Asociación de Mulleres Rurais de Paradela
A Asociación de Mulleres Rurais de Paradela organiza unha nova excursión e saída cultural para socios e non socios, neste caso ao Museo Etnográfico 'Casa do Patrón' de Doade pola mañá e a Santiago de Compostela pola tarde.
A excursión terá lugar o vindeiro 18 de xuño e sairán ás 09.00 horas desde o Mercado Gandeiro de Paradela cara ao museo, que está ambientado no rural e nel hai expostas, en máis de 2.000 metros cadrados, 4.500 pezas recollidas por toda a xeografía galega. Estes elementos, distribuídos en tres edificios, recollen toda a historia e os auténticos símbolos de Galicia dos últimos tres séculos.
Xa ao mediodía, as 75 persoas que xa están apuntadas nesta actividade, comerán no restaurante local Fogar de Breogán e pola tarde desprazaranse ata Santiago de Compostela para visitar a capital de Galicia, paseando pola Praza do Obradoiro e os lugares máis interesantes da cidade.