O Museo Provincial de Lugo repón unha escultura de Violeta Bernardo danada por un temporal

LugoXa | SarriaXa
A nova peza, unha versión de ‘La esperanza de mi vida III’, representa a maternidade e forma parte da colección exterior do xardín do Museo
artista-sarriá-Violeta-Bernardo-obra-Museo-de-Lugo
5 Jul 2025

O Museo Provincial de Lugo vén de incorporar ao seu xardín unha nova escultura da artista sarriá Violeta Bernardo que substitúe a obra anterior, tamén da súa autoría, que resultou danada pola caída dunha árbore durante un temporal rexistrado o 27 de setembro de 2024.

A artista elaborou unha nova versión da peza titulada La esperanza de mi vida III, unha escultura centrada na temática da maternidade, realizada en barro refractario chamotado, engobe de porcelana con esmaltes cocidos a 1.260 graos e ferro, cunhas dimensións de 121 x 86 x 84 centímetros.

A obra representa unha muller embarazada, sen rostro identificable, un recurso habitual na traxectoria de Violeta Bernardo como xeito de representar a todas as mulleres de maneira colectiva. A artista destacou o valor engadido que lle confire ao conxunto a súa ubicación ao aire libre, sinalando “a pátina especial” que as esculturas adquiren neste entorno natural e compartido con outras obras de autores e autoras contemporáneas.

Con esta nova incorporación, Violeta Bernardo acompaña a Soledad Penalta como unha das dúas mulleres artistas con obra exposta no espazo exterior do Museo Provincial, onde tamén se exhiben nove esculturas máis de arte contemporánea galega e portuguesa, así como pezas de arqueoloxía e etnografía.

A deputada de Cultura, Iria Castro, aproveitou a presenza de Bernardo no acto de instalación da escultura para salientar o valor da colección artística do xardín do Museo, accesible dende a rúa Nova e aberto ao público durante o día, como un espazo singular de encontro entre arte, natureza e patrimonio.

⚙ Configurar cookies
0.14543199539185