O Muvicla de Láncara destaca o éxito das súas xornadas sobre alternativas ao uso do petróleo no agro

O Museo Vivo e Integrado do Campo e da Locomoción Agraria, situado na parroquia de Trasliste, en Láncara, fixo unha valoración moi positiva das súas IV xornadas dedicadas ás “Alternativas ao uso do petróleo en aplicacións agrícolas”, celebradas recentemente nas súas instalacións.
Desde a organización subliñaron que a iniciativa consolida a aposta por un modelo que reivindica o dinamismo do campo galego e a capacidade do rural para abordar con ambición os retos de futuro.
Durante o encontro púxose de manifesto que é posible analizar en profundidade cuestións estratéxicas para o sector desde unha perspectiva plenamente enraizada na terra, contando con persoas do propio territorio e combinando coñecemento técnico, experiencia acumulada, excelencia profesional e, tamén, unha boa dose de paixón polo agro.
O museo agradeceu a todas as persoas que apoian proxectos singulares como o Muvicla, destacando que iniciativas así permiten avanzar cara a unha agricultura máis sostible e innovadora.