O MUVICLA de Láncara estará presente no Salón Internacional Sival en Francia

O Museo Vivo e Integrado do Campo e da Locomoción Agraria de Láncara formará parte da delegación española no Salón Internacional Sival, unha das feiras de referencia no ámbito agrícola que se celebra en Angers, na rexión francesa do Pays de la Loire. A participación será posible tras a súa incorporación á representación estatal impulsada por Business France, un recoñecemento ao labor que desenvolve este proxecto vencellado á divulgación e posta en valor do mundo rural.
Desde a organización do museo salientan que a presenza neste encontro internacional permitirá coñecer de primeira man novas experiencias, innovacións e modelos de traballo relacionados co sector agrario. O obxectivo principal é aproveitar esta oportunidade para seguir aprendendo e incorporando coñecementos que contribúan a mellorar o traballo no campo e para o campo, reforzando así o compromiso do museo coa sustentabilidade, a memoria agraria e o desenvolvemento rural.
A participación no Sival supón un paso máis na proxección exterior do Museo Vivo do Campo de Láncara, que continúa ampliando horizontes e establecendo contactos que poden resultar clave para o seu crecemento futuro e para a difusión do patrimonio agrícola galego nun contexto internacional.