O MUVICLA inaugura a exposición ‘Coidamos da terra. Coidamos da xente’ o 4 de xullo
O Museo Vivo e Integrado do Campo e da Locomoción Agraria (MUVICLA) de Láncara, inaugura a exposición ‘Coidamos da terra. Coidamos da xente’ na Casa de Galicia en Madrid. A mostra quere amosar o bo facer e a cultura da terra galega, usando o atractivo da arqueoloxía industrial agraria para afondar nas capacidades das persoas, descubrir vocacións e atraer talento para traballar no campo.
A través dunha serie de paneis, e elementos tradicionais utilizados no rural galego, percórrese a evolución da Casa de Vázquez, unha casa de labranza do Concello de Láncara, para transformarse nunha explotación agrogandeira con distintas certificacións ecolóxicas, dando lugar en 2019 ao Museo Vivo e Integrado do Campo e da Locomoción Agraria. En 2021, MUVICLA é recoñecido como centro museístico de Galicia polo Consello da Xunta de Galicia.
Os paneis complétanse cun texto de Felipe Arias Vilas, museólogo, arqueólogo e historiador e membro do Padroado do Museo do Pobo Galego. A exposición poderase visitar ata o mércores, 31 de xullo, en horario de 10.00 a 14.00 horas e de 16.00 a 20.00 horas, agás os domingos e festivos, con horario de de 10.00 a 14.00 horas.
Por outra banda, durante o mes de xullo, a Casa de Galicia en Madrid acollerá distintas actividades organizadas por MUVICLA. Así, o día 12 terá lugar a proxección do documental ‘Primeira peregrinación a Santiago de Compostela en Tractor de Época’, un encontro de museos relacionados coa arqueoloxía industrial agraria e as súas asociacións de amigos, titulada Old Timer Tractor Meeting, coa intervención de Joan Artigas e José Luis Horcajo.
Pola súa parte, o 18 de xullo Carlos Gilarranz Casado presentará unha serie de conferencias. A primeira é ‘Territorio e agricultura, aprendendo do pasado, mirando ao futuro’, por Quico Ónega, enxeñeiro agrónomo, investigador do ‘Laboratorio do Territorio’ da Universidade de Santiago de Compostela. A seguinte é ‘O glamour é do máis rural que hai’, por Brais Vázquez Bande, estudante de 3º de Enxeñería Agrícola na Escola Politécnica Superior de Enxeñería de Lugo. Finalmente, ‘Da escola á granxa, aposta polo futuro do rural desde a educación infantil e primaria’ será presentado por Carlos A. Rodríguez Rodríguez, enxeñeiro agrónomo, da área de Medio Rural, Mar e Mocidade da Deputación Provincial de Lugo.
Por último, o 25 de xullo presentarase a publicación ‘Alternativas ao uso do petróleo en aplicacións agrícolas’, pola presidenta de MUVICLA, e doutora enxeñeira agrónoma, María José Bande Castro, Investigadora do CIAM. O mesmo día, haberá unha conferencia sobre o proxecto ‘Agricolae Mundi’, por Miguel Agulló Velasco; e terá lugar a actuación musical de percusión e gaita, por Brais Vázquez Bande e Marcos Vázquez Marey.