O número 8 da Macheta, o fanzine sarriao que sae cando lle peta, foi presentado na Sede

SarriaXa
Desde a Asociación Huhú, promotora desta revista, destacan a boa acollida da veciñanza durante a presentación, e tamén que xa foron distribuídos arredor de 150 exemplares
Presentación-da-Macheta-Sarria
3 sep 2024

A Asociación Huhú de Sarria presentou o oitavo número do fanzine Macheta, ‘a revista que sae cando lle peta’ na Sede, o espazo de arte contemporánea da rúa Ramón Cabanillas. A presentación contou cun concerto acústico do Ronco Lois, antigo cantante do grupo Colloada Salvaxe.

Neste número 8, Macheta, na súa primeira edición, ten 60 páxinas e unha tiraxe de 300 exemplares, cifras récord na historia da revista, dos que se repartiron xa 150.

No índice figuran contidos coma unha escolma de viñetas inéditas do humorista gráfico Chichi Campos e unha ampla representación de mulleres poetas, moitas delas de Sarria: Sonia Marpez, Naila María González, María Barrado, Paula Castro e Paula Vilas.

O fanzine sarriao mantén os sinais de identidade de sempre: liberdade creativa, irreverencia, humor e pensamento crítico. E o prezo de sempre: cero euros.

Desde a Asociación Huhu destacan a boa acollida da revista na presentación, na que se entregaron tamén os 28 primeiros cromos da Macheta que foron editados, sendo cada un deles dedicado a unha colaboradora. Ademais, anunciaron que irán incluíndo colaboradoras dos números anteriores, e editarán un álbum deses cromos.

As persoas interesadas na revista poderán atopala na Sede e no Xarope e así desfrutar das colaboracións e da arte de moitos sarriaos, sarriás e persoas de fóra, como de Portugal.

0.18489813804626