O número 8 do fanzine 'Macheta' preséntase este venres en Sarria

SarriaXa
O acto, que terá lugar a partir das 19.30 horas, terá lugar na Sede o espazo de arte contemporáneo situado na rúa Ramón Cabanillas
Macheta-Sarria
28 Ago 2024

Desde a Asociación Huhú de Sarria informan de que van sacar o oitavo número do fanzine Macheta, ‘a revista que sae cando lle peta’.

Así, presentarase este venres, 30 de agosto, a partir das 19.30 horas na Sede, o espazo de arte contemporáneo situado na rúa Ramón Cabanillas. A presentación contará cun concerto acústico do Ronco Lois, antigo cantante do grupo Colloada Salvaxe.

Neste número 8, Macheta ten 60 páxinas e unha tiraxe de 300 exemplares, cifras récord na historia da revista.

No índice figuran contidos tan singulares coma unha escolma de viñetas inéditas do humorista gráfico Chichi Campos e unha ampla representación de mulleres poetas, moitas delas de Sarria: Sonia Marpez, Naila María González, María Barrado, Paula Castro e Paula Vilas.

O fanzine sarriao mantén os sinais de identidade de sempre: liberdade creativa, irreverencia, humor e pensamento crítico. E tamén o prezo de sempre: cero euros.

‘Macheta’ naceu a finais dos anos 90, promovida pola asociación cultural Teixo e amigos que frecuentaban o pub Xarope de Sarria. O número 6 publicouse en 1998 e tiveron que pasar 25 anos para que vise a luz a sétima entrega. O rescate tivo lugar da man da asociación cultural Huhú!, promotora da Trienal de Arte de Sarria e do espazo A Sede.

0.17016792297363