O obradoiro de emprego Ponte de Areas VII está a construír unha beirarrúa no campo da feira do Páramo

SarriaXa
Desta maneira, levarán a cabo a construción dunha beirarrúa de 170 metros lineais na vía que une a casa do Concello cunha nave municipal
Campo-da-feira-O-Paramo-5
28 Maio 2024

O Páramo conta cun novo obradoiro de emprego, o Ponte de Areas VII, compartido cos concellos de Guntín e O Corgo, no que traballan uns 20 alumnos, dos que seis están traballando xa no Páramo. Así, están a construír beirarrúas na contorna do campo da feira, preparando o terreo para as Feiras de Primavera.

Desta maneira, levarán a cabo a construción dunha beirarrúa de 170 metros lineais na vía que une a casa do Concello cunha nave municipal, pasando polo pavillón polideportivo. Por agora, levantaron un muro de contención e están dotando de arquetas e canalizacións de auga, electricidade e alumeado público, así como están deixando lista a rede de telecomunicacións.

Despois das Festas de Primavera, porán formigón na beirarrúa e a obra finalizará xunto a unha leira e unha nave, así como levarán a cabo o peche na fronte da parcela en 60 metros e, na nave, pintarán por dentro e por fóra.

Ademais destas obras, o obradoiro de emprego tamén ten previsto crear unha beirarrúa nunha vía de terra que rodea o campo da feira, pero non hai unha data prevista e non se sabe se rematarán coa obra antes de rematar o obradoiro o vindeiro 21 de novembro.

0.16840791702271