Directiva de O Incio CF: “O obxectivo da tempada vai ser tratar de loitar polos primeiros postos”

Jessica Fernández
Como xorde O Incio CF?
O Incio CF tivo varias etapas, pero esta última xorde no ano 2015. A idea partiu dun grupo de rapaces novos do concello, dos cales a maioría estaban xogando en diversos equipos da comarca, que tiñan a ilusión de poder xogar xuntos no equipo do seu pobo.
Como foi evolucionando o equipo desde esa etapa ata a actualidade?
No que se refire ao cadro de xogadores, a evolución nestes anos tivo diferentes altibaixos, debido principalmente a que o Incio é un concello cunha poboación bastante envellecida, na que apenas hai rapaces novos. Polo que a meirande parte dos xogadores do equipo proveñen de fóra do Concello. Isto implica que os xogadores varíen dun ano para outro, coa conseguinte problemática para compoñela cada ano que pasa. Por outro lado, no que se refire á estrutura do equipo, tamén tivo cambios, xa que na directiva actual xa non queda ningún membro da que creou o club no ano 2015.
Cales son os éxitos acadados que máis sobresaen do equipo?
Os éxitos acadados non foron moitos, pero si se celebraron con moita ilusión os ascensos de categoría dos anos 2018 e 2023. Non se pode aspirar a cotas máis altas debido a que a situación do equipo non dá para máis.
Que esperan desta nova tempada?
O obxectivo principal é poder ter un equipo co que se poida competir co resto de equipos da zona; pero que sobre todo que teña un bo ambiente, xa que temos comprobado que iso repercute moi positivamente nos resultados do equipo e no club en xeral. Loxicamente, como imos competir en Terceira Galicia, o obxectivo vai ser tratar de loitar polos primeiros postos. Ademais, contamos cun novo adestrador, Felipe Varela, quen releva a Roberto Díaz Mourelo despois de case dúas tempadas á fronte do equipo.
Ademais do ámbito deportivo, a entidade ten algún propósito social?
O propósito da entidade é que no Concello do Incio haxa un equipo de fútbol no que os rapaces da zona poidan xogar, e que a xente do concello poida ir entreterse. Ademais, o obxectivo é competir de forma sa cos clubs da contorna tratando sempre de acadar o mellor posto posible na clasificación, sen deixar de lado os valores do bo facer, tanto no campo como fóra del. Resulta moi gratificante ver como os xogadores de distintos equipos, que se coñecen entre eles, ao rematar o partido quédanse charlando e comentando as xogadas nun clima de amizade.
O Club ten necesidades?
Necesidades sempre hai, sobre todo en equipos humildes como é o noso. Como necesidades principais temos dúas. Por un lado, a falta de apoio por parte da poboación, que supoñemos que é debido a que, como xa comentamos anteriormente, o concello ten a poboación moi envellecida, e sabemos que visitar o Carboeiro no inverno é complicado. Por outro lado, a dificultade á hora de atopar xogadores, xa que no concello quedan poucos, e temos que botar man de xogadores de outros concellos, aos que lles estamos moi agradecidos. No que respecta ao financiamento, imos indo, loxicamente todo é pouco, gustaríanos contar con máis posibles para ir máis cómodos e non ter que andar a voltas cos números.
Para vós é importante este club para o futuro do Incio.
É importante porque nos pobos pequenos, como é o caso, se faga canto se poida, xa que calquera tipo de actividade é unha motivación para saír da casa e socializar cos veciños. Polo que animamos a xente a que se achegue o Carboeiro a ver os partidos. Algúns dos que estamos no equipo directivo empezamos así, e canto máis xuntos máis fortes, iso sempre foi.