O Oural supera algúns valores contaminantes máximos establecidos pola OMS
O informe anual sobre a calidade do aire de Ecoloxistas en Acción recolle que o Oural, en Sarria, superou o valor máximo diario de dióxido de xofre (SO2) recomendado pola OMS no 2022. Este suceso explícase pola influencia das emisións de Votorantim Cementos Oural.
Por outra banda, tamén na mesma zona, Ecoloxistas en Acción subliñaron que no Oural afectaban en gran medida as partículas en suspensión PM10 e PM2,5, que superaron os valores recomendados pola OMS.
Así, durante 2022 a calidade do aire en Galicia empeorou con respecto aos anos 2020 e 2021, cun aumento dos niveis de ozono troposférico e máis matizado de partículas en suspensión (PM10 e PM2,5) e dióxido de nitróxeno (NO2).
Porén, explican que se se toman os estándares da normativa en vigor, máis laxos que as recomendacións da OMS, non habería poboación que respirou aire contaminado nin superficie exposta a niveis de contaminación que danan a vexetación, por riba dos límites legais.
Desde Ecoloxistas en Acción cren necesario promover “o aforro enerxético, adoptar as mellores técnicas industriais dispoñibles, pechar as centrais térmicas de combustibles fósiles, penalizar o diésel, reducir o uso do avión, designar unha área de control das emisións do transporte marítimo e unha moratoria das novas macrogranjas gandeiras”.