O Páramo acollerá o 14 de setembro a BTT A Ribeira organizada por dúas deportistas locais

O Concello do Páramo converterase o 14 de setembro nun referente do ciclismo coa celebración da BTT A Ribeira, unha iniciativa impulsada por Pilar e Alba, do Atlántigas Club Deportivo.
As dúas deportistas locais conseguiron reunir xa máis de 150 participantes, entre eles clubes de renome como o DHG Team de Sarria, e prepararon un programa que combina deporte, festa e promoción do territorio.
A proba desenvolverase en tres modalidades: unha ruta curta de 37 quilómetros, unha longa de 50 e un circuíto mini BTT cun percorrido de 10 quilómetros máis un tramo con obstáculos nunha leira. Todas as saídas e chegadas estarán localizadas no campo da festa de San Mamede da Ribeira, desde onde partirán as rutas ás 9.30 horas.
Ao rematar, veciñanza, participantes e visitantes poderán gozar dunha comida popular, e ás 14.00 horas entregaranse premios e recoñecementos ao club máis numeroso, á persoa de maior idade, ao participante máis novo, ao máis elegante e a quen chegue dende máis lonxe, neste caso unha ciclista procedente de Móstoles.
As organizadoras subliñan que “organizar isto é un soño porque nacemos e vivimos aquí, pero foi moi difícil, polo que fixo falta moitos patrocinadores como o Concello do Páramo e a Xunta de Galicia. Sobre todo, queremos poñer en valor a axuda dos voluntarios, veciños que se implicaron no evento”.
O programa busca tamén dar visibilidade ao concello e aos seus produtos. Por iso, ademais das rutas ciclistas, haberá degustación de queixos, empanadas, tartas e lacón, exposición de esculturas de madeira feitas por un veciño e a presenza dunha artesá que levará chaveiros de resina. Ao longo do percorrido disporanse postos con auga, filloas e roscas, e cada cruzamento de estrada contará cun voluntariado, ademais de ambulancias, protección civil e motos abrindo e pechando os tramos para garantir a seguridade.
Xa pola tarde, de 16.30 a 19.30 horas, programaranse actividades infantís con pintacaras, inchables e monitores, abertas tanto a familias dos inscritos como á xente que participe na comida popular. A xornada pecharase coa actuación musical do DJ Min ás 17.00 horas.