O Páramo aproba o segundo plan de axudas á hostalería

SarriaXa
As axudas, dun máximo de 700 euros por establecemento, irán dirixidas a aqueles negocios que tiveron que pechar polas restricións de principios de ano.
hostaleria terraza bar
31 Mar 2021

O pleno do Concello do Páramo deu este martes luz verde ao segundo plan de apoio á hostalería para paliar as consecuencias da covid. As bases do novo programa de axudas foron aprobadas por unanimidade da corporación.

As axudas, dun máximo de 700 euros por establecemento, irán dirixidas a aqueles negocios de hostalería que tiveron que pechar polas restricións que o Goberno autonómico estableceu o pasado mes de xaneiro.

Para a posta en marcha deste segundo plan de axudas municipal, a corporación aprobou unha transferencia de crédito por valor de 6.000 euros. Esa cantidade pensaba destinarse como subvención á Asociación Amigos do Campo da Feira para a organización das Feiras e Festas da Primavera, que se celebrarían en xuño de non ser pola actual situación sanitaria. Eses fondos destínanse agora ao novo plan e a axudas que se poden convocar máis adiante se se producen novos peches.

O Concello do Páramo lanzara, en xuño do pasado ano, a primeira liña de axudas fronte á covid, da que se beneficiaron catro autónomos que recibiron unha cantidade total duns 2.000 euros.

0.094619035720825