O Páramo contará a finais deste ano cunha nova pista deportiva
O concello do Páramo poderá desfrutar dende finais de outubro dunha nova pista situada no CEIP Plurilingüe na que practicar deportes coma o fútbol ou o baloncesto.
As obras financiadas grazas a unha achega da Xunta de Galicia duns 72.000 euros, deberán rematarse para o 25 de novembro. Tanto alumnos do centro coma o resto dos veciños do municipio, poderán aproveitar para practicar os seus deportes favoritos coa máxima seguridade e en boas condicións.
O concello vén de sacar a licitación a obra e as empresas que interesadas en facerse co contrato teñen de prazo para presentar as súas ofertas ata o día 20 no consistorio de O Páramo, en horario de 9.00 a 15.00 horas.
AS INSTALACIÓNS
O recinto constará dunha superficie total de 22 x 12 metros de resina deportiva, un material flexible que minimiza os danos por caída e que é óptimo para a realización de actividade física. Estará pechado por un valado a modo de parede de dous metros de alto. Albergará ademais as porterías e os cestos nos extremos, así como unha rede no centro para a práctica de deportes de raqueta ou voleibol.
Instalaranse seis torres con iluminación led para a utilización da pista en condicións de pouca luz. Isto axudará a darlle uso tamén no horario non escolar e a garantir a seguridade, evitando accidentes, tal e como recolle o proxecto da obra.
A zona elixida para a instalación desta pista deportiva é unha zona verde próxima a outra pista coa que xa conta o colexio, de forma que ambos espazos deportivos do centro estean próximos.
As instalacións son financiadas pola consellería de Cultura, Educación, Formación Profesional e Universidades dentro do Plan de Nova Arquitectura Pedagóxica, que tamén costea outras pistas multideporte en centros da comunidade.