O Páramo inicia a expropiación dos terreos do campo da feira para asumir a súa titularidade pública

O Concello do Páramo deu luz verde de maneira inicial á relación de bens e dereitos afectados por un procedemento de expropiación forzosa co propósito de acadar a titularidade pública da totalidade dos terreos do campo da feira. A medida céntrase unicamente nas parcelas que o Plan Básico identifica como tales, condición da que se desprende a súa utilidade pública.
A superficie obxecto do expediente ascende a 14.130 metros cadrados, distribuídos entre cinco propietarios diferentes. Este espazo, situado na contorna da capitalidade municipal, figura no Plan Básico Autonómico como espazo libre, zona verde e de equipamento. Segundo se recolle, atópase “materialmente afecto ao uso público, se ben o Concello non é titular da totalidade da súa superficie”.
Co fin de facer efectivas as determinacións recollidas no planeamento urbanístico, o goberno local considera preciso poñer en marcha o correspondente expediente de expropiación das parcelas que, malia estaren cualificadas como zona verde, non pertencen á administración municipal.
Unha vez validada a relación de bens e dereitos, abrirase un período de información pública no que calquera persoa interesada poderá presentar por escrito as alegacións que estime convenientes para corrixir posibles erros ou formular oposición.