O Páramo licita a mellora do camiño entre Bravos e San Pedro cun orzamento de máis de 62.000 euros

SarriaXa
A intervención afectará a 2,4 km de pista rural e estará financiada por Agader co obxectivo de garantir unha mellor seguridade e accesibilidade
concello-do-paramo
29 Jul 2025

O Concello de O Páramo vén de sacar a licitación as obras de mellora do camiño que une as localidades de Bravos e San Pedro, cun investimento previsto de 62.245 euros. Trátase dunha pista rural que presenta un estado deficiente debido á súa antigüidade e ao uso continuado, polo que a actuación permitirá renovar unha vía fundamental para a mobilidade veciñal.

Os traballos abranguerán un tramo de 2.455 metros, que será pavimentado con dobre tratamento superficial, tras a corrección previa das deformacións existentes. Ademais, inclúese a limpeza das cunetas, co fin de mellorar a drenaxe e prolongar a vida útil do novo firme.

O prazo estimado para executar a obra é de tres meses desde o seu inicio, e o proxecto conta co financiamento da Axencia Galega de Desenvolvemento Rural (Agader). Segundo informou o consistorio, as empresas interesadas poden presentar as súas ofertas ata o 8 de agosto, momento no que remata o prazo de presentación de propostas.

Desde o Concello destacan que esta intervención forma parte dunha aposta decidida por mellorar as infraestruturas viarias do rural, garantindo desprazamentos máis seguros para a veciñanza e facilitando os accesos ás explotacións agrogandeiras e ás vivendas dispersas da zona.

⚙ Configurar cookies
0.068812847137451