O Páramo licita por máis de 51.000 euros a mellora da rede de auga

O Concello de O Páramo vén de sacar a licitación unhas obras de mellora da rede de abastecemento municipal e de instalación de contadores de caudal por un importe total de 51.020 euros. Os traballos teñen un prazo de execución de tres meses e están deseñados para corrixir deficiencias no sistema actual, especialmente en zonas onde as fugas de auga son frecuentes e a subministración pode verse comprometida durante episodios de seca.
A intervención centrarase na renovación dun tramo da rede que abastece ao núcleo de Ribeira, situado na parroquia de San Mamede da Ribeira. Segundo explica o propio Concello, as canalizacións actuais son moi antigas e presentan constantes problemas de perdas, polo que se considera prioritaria a súa substitución.
Outro dos puntos destacados da actuación será a instalación de contadores de medición de caudal na rede de transporte e distribución, xa que ata o de agora non existía un sistema de control que permitise identificar con precisión os puntos onde se producían as fugas. Con esta medida, o goberno municipal aspira a mellorar o seguimento do consumo e a eficiencia do servizo.
Para levar a cabo o proxecto, o Concello conta cunha achega económica de 45.000 euros procedente dunha subvención concedida por Augas de Galicia. O resto do financiamento será asumido con fondos municipais.
O prazo para presentar ofertas estará aberto ata o 12 de agosto, e os interesados poderán formalizar a súa proposta por vía telemática a través da plataforma habilitada para este fin.