O Páramo prepárase para recibir a Ruta Cicloturista A Ribeira con percorridos para todas as idades

O municipio do Páramo prepara xa unha das citas deportivas máis destacadas do outono na comarca coa celebración da Marcha Cicloturista A Ribeira, que terá lugar o vindeiro 14 de setembro con saída e chegada en San Mamede da Ribeira.
A proba está organizada polo Atlántigas Club Deportivo, entidade pioneira no ciclismo feminino en Galicia, e ofrecerá un espazo de encontro para persoas de todas as idades e niveis interesados na práctica do ciclismo nun formato non competitivo e aberto.
O evento, que xa ten abertas as inscricións a través da plataforma Champion Chip Norte, contará cunha oferta diversa de percorridos. Os participantes poderán escoller entre unha ruta curta de 37 quilómetros, con dificultade técnica baixa, ou unha máis longa de 50 quilómetros, pensada para persoas cunha maior preparación física e resistencia. Como novidade, esta edición incluirá un circuito Mini BTT destinado a nenos e nenas a partir dos tres anos, cun deseño adaptado que aposta pola seguridade e a aprendizaxe lúdica, co obxectivo de fomentar a práctica do ciclismo dende a infancia.
A marcha está limitada a 150 prazas, polo que a organización recomenda formalizar a inscrición canto antes. Desde Atlántigas Club Deportivo destacan o carácter inclusivo e paisaxístico da proba, que discorrerá por camiños rurais e paraxes naturais da contorna da Ribeira, ofrecendo unha xornada de deporte, natureza e convivencia entre participantes e público asistente.
O delegado territorial da Xunta en Lugo, Javier Arias, mantivo unha reunión coa presidenta do club, Mar Arias, e coa veciña do Páramo Alba María Rivera, socia e impulsora do evento. No encontro avaliáronse posibles vías de colaboración institucional e destacouse o traballo de Atlántigas CD como exemplo de dinamización deportiva desde unha perspectiva de xénero.
Fundado no ano 2019, Atlántigas CD é o primeiro club ciclista feminino de Galicia, creado e liderado integramente por mulleres. Con presenza nas provincias de Lugo, A Coruña e Pontevedra, o seu obxectivo principal é fomentar o ciclismo entre as mulleres e visibilizar a súa presenza nun deporte tradicionalmente masculinizado. A Marcha Cicloturista A Ribeira, coa súa vocación integradora e divulgativa, consolídase como un paso máis nesta liña de traballo.