O Páramo recupera as feiras municipais

SarriaXa
O Concello vén de anunciar que o mercado se retomará o mércores 10 de marzo "respectando as limitacións de aforo instauradas"
3 Mar 2021

O Concello do Páramo recupera as súas feiras municipais, que se celebran tradicionalmente os días 10 e 25 de cada mes, e que suspendera a comezos de febreiro debido ás restricións e limitacións de mobilidade adoptadas na comunidade para frear a propagación da covid.

Hoxe, o alcalde do municipio, José Luis López, confirmou que o tradicional mercado se celebrará xa o vindeiro mércores día 10, "respectando e cumprindo as limitacións de aforo instauradas".

De igual xeito, o rexedor explica que se adoptarán "as medidas necesarias" para establecer os requisitos de distanciamento entre os postos, "co obxectivo de garantir a seguridade, así como a distancia entre traballadores, clientes e viandantes".

José Luis López aproveita para facer un chamamento á "responsabilidade social e individual" de todos os veciños e veciñas do Páramo, co fin de "seguir avanzando nas fases de desescalada marcada e para lograr esta nova normalidade que nos obriga a manter medidas de seguridade, como o distanciamento social, a hixiene e evitar aglomeracións".

0.17385196685791