O Páramo ultima o proxecto para construír un anfiteatro no campo da feira
O Concello do Páramo segue a traballar no proxecto para a construción dun anfiteatro no penedo do campo da feira, co que pretenden poñer en valor a zona desde un punto de vista xeolóxico e turístico.
A instalación situarase diante do centro de saúde da localidade e a coñecida como 'casa do médico', onde se sitúa a gran rocha, en forma de media lúa, que se aproveitará para crear o anfiteatro.
Valéndose do desnivel natural da pedra prevese xerar unha bancada en tres alturas. O obxectivo é destinar o novo espazo a actividades culturais e mesmo servir de complemento a actividades infantís.
Con este proxecto, explican desde o goberno local, "este saínte xeolóxico con unha antigüidade de máis de 200 millóns de anos pasa a ter unha funcionalidade e unha valoración, o que permitirá preservalo no tempo como o elemento central do municipio".
A contorna do anfiteatro contará con iluminación que realce e potencia as calidades da rocha. Ademais a zona contará con unha pavimentación de pedra e outra zona de formigón, pola que poderá pasar o tráfico rodado de xeito puntual.
O Concello do Páramo conta para este proxecto cunha subvención, de 44.300 euros, do Grupo de Desenvolvemento Rural (GDR) Miño-Ulloa. O custe total dos traballos é de 63.300 euros.