O Partido Popular de Sarria critica a falta de transparencia do goberno local con respecto do matadoiro

SarriaXa
Os populares de Sarria condenan a “total falta de vontade do goberno de Camiña Sarria por aclarar aos veciños a situación do matadoiro municipal e a súa falta de transparencia”, xa que explican que transcorreu "con creces" o prazo legalmente establecido para resolver, e aínda non achegou a documentación relativa á anualidade 2022 "que tiñamos solicitamos o pasado 10 de setembro, a pesar de que o alcalde asegurou á oposición que xa tiña clarificados e depurados os datos das últimas catro anualidades”.
PP Sarria
16 Out 2023

Así, a portavoz, Carmen José López, insiste na necesidade de aclarar a situación e de que se faga unha análise exhaustiva e detallada do sucedido porque “é un tema moi serio”. Polo momento, “o alcalde xa ten recoñecido que faltan máis 165.000 euros de diñeiro público e por iso é necesario que facilite a información que solicitamos para tratar este tema coa transparencia que require e determinar o seu alcance real".

Pola súa parte, o goberno municipal afirma que o burato nas arcas municipais se limita aos sacrificios de vacún, mais a popular considera necesario “determinar e aclarar o alcance concreto das irregularidades detectadas na xestión do matadoiro municipal”.

Por iso, os populares solicitaron formalmente documentación adicional á xa solicitada previamente co obxectivo de coñecer, concretamente, se hai diñeiro pendente de ingresar nas arcas do Concello en relación ao servizo por sacrificio de reses doutras especies.

Falta de colaboración do goberno local

O grupo municipal do PP de Sarria di que o goberno municipal "amosa unha total falta de iniciativa para resolver este asunto e parece ter interese en que este asunto quede esquecido nun caixón".

Mentres, os populares afirman que teñen claro que "nos debemos ao noso labor como representantes dos veciños e veciñas e, polo tanto, insistiremos no noso labor de control e fiscalización”.

O Grupo Municipal Popular recorda que a inactividade do goberno local motivou a solicitude, por parte de toda a oposición, dun pleno extraordinario que aínda está pendente de realizarse. Así lembran que se non é convocado neste mes polo alcalde, procederase, segundo a lei, á súa convocatoria automática para o décimo día posterior ás 12.00 horas.

0.18178486824036