O partido popular de Sarria solicita explicacións ao goberno local
Despois de que a interventora do Concello informara desfavorablemente sobre distintos trámites en materia económica e contractual, o grupo popular de Sarria solicitou un pleno extraordinario para que o goberno municipal dea explicacións acerca destes "graves incumprimentos financeiros".
Os informes refírense á tramitación dos contratos menores, á súa utilización e á existencia ou non de fraccionamento indebido destes contratos no 2021; ao procedemento de xestión e liquidación de taxas e prezos públicos, e tamén en canto a tramitación e xestión das devolucións de ingresos indebidos. Igualmente, con respecto á xestión das caixas de efectivo do exercicio 2021.
Os populares sinalan que nos informes da interventora, salvo nun dos apartados, a valoración global do control financeiro, segundo din no PP, "é desfavorable e non estamos a falar de trivialidades, senón do incumprimento da lei no manexo dos fondos públicos".
Os populares indican que se este é un tema grave, "é de absoluta gravidade no referente aos contratos menores de obra, servizos e subministros". Neste caso, nos informes "analízanse aleatoriamente corenta dos 116 localizados, e, aparte do cúmulo de irregularidades que se poñen de manifesto na tramitación e contratación, está para nós o abuso que se fai" deste tipo de contratos.
O obxectivo do pleno extraordinario solicitado polo PP e que a alcaldía dea "explicacións claras e convincentes en relación con estes graves incumprimentos financeiros, así como que, en relación aos contratos menores, se facilite a relación desagregada dos mesmos, cos seus correspondentes importes e adxudicatarios".