O Partido Popular de Sarria solicitará a reactivación urxente da Comisión de Investigación do Matadoiro
O Grupo Municipal do Partido Popular solicitará a reactivación urxente da Comisión de Investigación do Matadoiro que foi pechada unilateralmente polo alcalde, Claudio Garrido. Así mesmo, pedirán que se amplíe o seu ámbito incluíndo tamén a supervisión da xestión municipal do servizo.
Os concelleiros do PP cren que se produciron circunstancias que “xustifican sobradamente a súa reactivación urxente”: a resolución do Tribunal de Contas, que a petición da Fiscalía solicita investigar os feitos e determinar as responsabilidades, de forma paralela ao procedemento xudicial en marcha, que se suma ao feito de que “o matadoiro leva máis dun mes pechado, evidenciando a incapacidade e desinterese do goberno municipal polo servizo”.
Por este último motivo, o Grupo do Partido Popular pedirá que, ademais de retomarse as reunións da Comisión de Investigación do Matadoiro, se estenda o seu obxecto para analizar a propia xestión que o Concello está levando a cabo do servizo porque “queda máis que acreditado que non é a correcta”.
Os concelleiros do PP rexeitan “a absoluta inactividade do goberno local de Camiña Sarria para indagar a onde foron parar os preto de 200.000 euros que aínda non se sabe onde están e que permitirían sufragar gran parte das inversións necesarias para retomar o servizo”.
A portavoz, Carmen José López, cre que “está claro que o goberno de Claudio Garrido quere que todo o que ten que ver co matadoiro pase o máis desapercibido posible, pero a situación é moi grave. Non só polo burato económico, senón porque está en perigo un servizo moi importante para a actividade da zona”.
Os populares esperan que “cumpra a súa palabra e que o matadoiro estea de novo funcionando ao longo deste mes”. Pero “temos pouca confianza en que sexa así, xa que o propio alcalde ten manifestado en varias ocasións a posibilidade de pechar o matadoiro”.
Ademais, “é difícil crer na palabra de Garrido cando non fixo máis que mentir e ocultar información con este tema”. “Non lle interesa o servizo do matadoiro municipal nin tampouco chegar ao fondo do asunto para recuperar o diñeiro que falta e poder destinalo a facer os investimentos que non fixo nos últimos anos e que tería evitado que chegara esta situación de paralización do servizo”, conclúen.