O pavillón municipal do Páramo quedou renovado despois dunha inversión de case 60.000 euros
O pavillón municipal do Páramo xa está rematado despois de que a empresa Reformas Rd de Lugo fixera os últimos arranxos para que os veciños e veciñas do Páramo poidan desfrutar destas instalacións.
Así o comunicaron desde o Concello do Páramo, que contou cun orzamento de case 60.000 euros para levar a cabo as obras e para dotar ao complexo de maquinaria deportiva co fin de crear unha aula fitness, plataformas de acceso e unha praza de aparcadoiro para persoas con mobilidade reducida e e melloras nos vestiarios.
A Vicepresidencia da Deputación de Lugo axudou ao Concello do Páramo cunha achega de máis de 8.000 euros, cos que se dotou ao pavillón municipal de máquinas de ximnasio, como unha para traballar as costas, unha bicicleta elíptica e un desfibrilador.
As instalacións do pavillón, que se atopaban bastante deterioradas, foron renovadas por completo, xa que se lle cambiou o teito do edificio, o pavimento dos vestiarios, as duchas, pero tamén houbo que facer un gran traballo de albanelaría e carpintaría.
Con estas obras, os veciños e veciñas do Páramo poderán desfrutar dunhas instalacións necesarias para desenvolver diferentes actividades deportivas, pero tamén sociais co fin de mellorar a vida dos seus habitantes.